sábado, 15 de octubre de 2016

As voces da Historia: o papel das mulleres na Revolución Francesa


Un dos obxectivos da Historia Contemporánea é achegar, tanto ao alumnado como a todo aquel interesado nos temas que esta materia analiza, as voces daqueles personaxes ou colectivos máis desfavorecidos ao longo dos tempos. Hoxe, analizaremos o relevante papel da muller no proceso revolucionario francés de 1789. A importancia do aquí exposto estriba en que non só desmonta a crenza do papel secundario da muller senón que configura un antecedente fundamental na loita das mulleres polos seus dereitos, algo que veremos máis claramente no século XIX. 

Así pois, é necesario saber que a Revolución Francesa supón un cambio na historia da muller. Por primeira vez trátase de definir o papel que desempeña na sociedade. En principio, a muller era un mero obxecto que estaba supeditado ás ideas da súa familia ou do seu marido. Non podía ou non debía ter ideas propias, xa que isto estaba mal considerado pola sociedade.

Coa Revolución xerouse unha preocupación pola relación entre os sexos masculino e feminino; polo estudo do papel que desempeñaba a muller na sociedade e non só na orde doméstica. A muller asumiu un papel incitador nas manifestacións que se levaron a cabo na cidade, chegando a ir buscar ás súas casas aos máis reacios para que participasen nas mesmas.

As súas reivindicacións, con todo, non foron tanto a promoción dos seus dereitos civís, como a posibilidade de obter alimentos para a manutención e sostimento das súas familias.
A medida que a Revolución foi avanzando, xurdiron mulleres singulares que reclamaron a igualdade entre os sexos e a equiparación dos dereitos civís.
Malia a loita emprendida, a muller non experimentou cambios notables na súa forma de vida tradicional e non logrou liberarse das dependencias ancestrais.

Unha muller relevante foi Olympe de Gouges (1748-1793). Autora teatral e activista revolucionaria, foi a protagonista da protesta feminina. En 1791 publicou a Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá, na que denunciaba que a revolución esquecese ás mulleres no seu proxecto igualitario e liberador. O programa de Olimpia de Gouges era claro: liberdade, igualdade e dereitos políticos, especialmente o dereito de voto, para as mulleres.
Con todo, a formulación feminista non era compartida polos dirixentes da revolución, nin tan sequera entre os máis radicais. Algunhas das declaracións que así o amosan son as seguintes:



«Non é posible que a muller exerza os seus dereitos políticos.» Deputado André Amar

«O home que deixa as rendas á súa muller falta aos seus deberes naturais para con Deus e para co rei.»
Bonald

Estas declaracións expresan o rexeitamente da sociedade do momento á participación das mulleres en moitas seccións parisienses, onde se deliberaba e discutía de política. As máis concienciadas non se contentaron con esta participación ou con ser escoitadas nas súas seccións, senón que reivindicaron o recoñecemento dos seus dereitos políticos. Algunhas mulleres fundaron clubs políticos, sendo o máis importante a Sociedade de Mulleres Militantes Republicanas Revolucionarias.

A loita das mulleres tivo os seus froitos no verán de 1793 cando conseguiron a igualdade política nas seccións, asembleas e sociedades populares. Pero o día 30 de setembro de 1793 prohibíronse os clubs femininos. A muller debía regresar ao fogar e deixar a praza pública, os salóns onde se discutía de política e a contorna dos lugares onde se tomaban as decisións políticas, é dicir, a Convención. 

Estas medidas foron ratificadas pola Convención Termidoriana en 1795. Posteriormente, o Código Civil napoleónico acentuou a represión contra as mulleres: a muller casada debía obediencia ao seu marido, o adulterio feminino era considerado como un delito máis grave que se fora cometido polo home, a autoridade sobre os fillos recaía no pai e non de forma conxunta coa nai, o marido tiña a obrigación de administrar os bens da súa esposa e esta necesitaba o seu permiso para realizar calquera acto xurídico e para traballar fóra do fogar.

A pesar do evidente fracaso da loita das mulleres na Revolución Francesa, a súa participación na mesma espertou a conciencia feminina para o futuro. As seguintes verbas de Olympe de Gouges son un claro exemplo disto:



"¡Oh mulleres! Mulleres, ¿cando deixaredes de estar cegas? ¿Que vantaxes recibistes da Revolución? Un desprezo máis acusado, un desdén máis pronunciado.
Nos séculos de corrupción, só reinastes sobre a debilidade dos homes. O voso imperio está destruído, ¿que vos queda pois? A convicción das inxustizas do home. A reclamación do voso patrimonio, fundado nos sabios decretos da natureza."



No hay comentarios:

Publicar un comentario